Tuesday 21 de May de 2024

O Concello de Lousame inviste máis de 30.000 euros no acondicionamento dos parques infantís de Portobravo e Escabia


O Concello de Lousame vén de investir un total de 31.144 euros no acondicionamento de dous parques infantís, emprazados nos lugares de Portobravo (Lousame) e Escabia (Fruíme). Unha actuación financiada ao abeiro do Plan de Acción Social (PAS 2015) da Deputación Provincial da Coruña.

A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde salienta que con esta actuación “pretendemos conseguir que en cada parroquia haxa un parque infantil en boas condicións. Comezamos o ano pasado polo Punto de Atención á Infancia de Tállara, que precisaba dunha actuación urxente porque o pavimento se estaba a levantar, e fixemos outro na escola de Béxeres. Agora refixemos totalmente o parque infantil a carón da Casa da Cultura e acondicionamos o da Escabia”.

A maior actuación tivo lugar no parque infantil de Portobravo, emprazado a carón da Casa da Cultura Santeiros de Chave, que practicamente se fixo de novo. Así, os traballos realizados incluíron o levantado dos xogos existentes e o cambio do chan por outro de caucho compacto de cores, un pavimento moito máis duradeiro, limpo, hixiénico e seguro para os nenos e nenas que utilicen estas instalacións.

As obras incluíron tamén a substitución do vello valado perimetral de madeira por un novo valado de polietileno de alta densidade coloreado. Así mesmo, instaláronse dous novos xogos: un conxunto torre-tobogán con estrutura de aceiro galvanizado e plataformas de plietileno con capacidade para 6 nenos e nenas de idades comprendidas entre os 2 e os 12 anos; e un bambán con asento bebé realizado con estrutura metálica recomendado para nenos de 1 a 3 anos.

Pola súa banda, no parque infantil da Escabia procedeuse ao acondicionamento do firme, incluído a nivelación e rasanteo previos á instalación dunha soleira de formigón. A pavimentación é a mesma ca no parque infantil de Portobravo: un chan de caucho monocompacto de distintas cores.

Con estes 31.144 euros investidos no acondicionamento dos parques infantís de Portobravo e Escabia o Concello de Lousame continúa o camiño iniciado en 2015, cando se destinaron outros 50.000 euros para a construción dun parque infantil en Béxeres e no arranxo do emprazado no PAI de Tállara.